Thursday 25 de April de 2024

A Deputación fai entrega dunha ambulancia á Cruz Vermella da Coruña


A institución provincial investiu preto de 60.000 euros para a compra do vehículo, que será utilizado tanto en servizos preventivos como de emerxencia

O presidente da Deputación, Diego Calvo, fixo entrega ao responsable de Cruz Vermella da Coruña, Alfonso García López, dunha ambulancia para que a asociación a utilice tanto en traballos preventivos, en concentracións ou actos públicos, coma en servizos de emerxencia.

O titular provincial estivo acompañado polo alcalde, Carlos Negreira, e o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, debido o importante labor que desenvolve esta asociación en toda a comarca e que agora se poderá ver incrementada grazas a esta incorporación. Ambos mostráronse contentos de que a cidade poida mellorar os seus servizos con este novo equipamento.

Durante o acto, Calvo agradeceu o traballo que desenvolve esta entidade, non só no entorno da Coruña, senón en toda a provincia e de aí a estreita relación que existe dende hai anos entre a Deputación e a Cruz Vermella en todas as súas sedes. “Non pode haber mellor destino para os fondos provinciais que colaborar cunha entidade coma esta, que permite cubrir necesidades básicas dos cidadáns”, declarou o titular provincial.

A Deputación da Coruña investiu preto de 60.000 euros na compra deste vehículo e forma parte dun convenio conxunto polo que tamén se entregaba outra ambulancia á delegación de Ferrol. “Hai pouco estábamos inaugurando a nova sede de Cambre e, no seu día, tamén facilitamos ambulancias para Ferrol e Betanzos, ademais de embarcacións para Sada e Cedeira”, sinalou o Diego Calvo facendo balance dos últimos anos.

Por todo iso, Alfonso García López agradeceu a “reiterada aposta da Deputación polo traballo desta ONG cos colectivos máis vulnerables”. “Grazas á doazón desta ambulancia, Cruz Vermella poderá intervir na Coruña nunha media de entre 1.700 e 2.800 emerxencias ao ano e outros 250 servizos preventivos”, sinalou o presidente da entidade.

Diego Calvo, finalmente, comprometeuse a seguir colaborando con esta entidade, á que definiu coma “un exemplo de organización”. “Porque sodes vós os que estades a pé de rúa, os que coñecedes as demandas e as necesidades da xente”, insistiu o presidente.